Etiopatoxenia das feridas traumáticas partes brandas

Etiopatoxenia das feridas traumáticas partes brandas


ETIOPATOXENIA
As feridas traumáticas de etioloxía mecánica son producidas pola denominada enerxía cinética
(movemento), a cal incide en células, tecidos, órganos e sistemas, causando a súa alteración
patolóxica. Esta enerxía mecánica é transferida por un obxecto sólido, un líquido ou un gas, os
cales son considerados axentes etiolóxicos que causan lesión traumática polo efecto de tres
forzas: forza de presión, forza de tracción e forza de cizallamento.

As forzas de presión e tracción inciden perpendiculares ao plano do tecido, causando
respectivamente o seu esmagamento ou elongación. A forza de cizallamento provoca que os
planos da pel escorreguen de modo paralelo e oposto. Xeralmente, as tres forzas asócianse
para incidir nos tecidos por medio da enerxía cinética (E) en función da masa (m) e da velocidade
(v), segundo determina a seguinte fórmula: E= ½ (mv2).

O efecto desta enerxía mecánica sobre os tecidos pode causar dous tipos de alteracións:
funcionais e morfolóxicas.
Alteracións funcionais: prodúcense cando un tecido absorbe tal cantidade de enerxía
mecánica que lle causa diminución da vitalidade tisular (lesión do parénquima e/ou
estroma). Danse dous tipos de alteracións: reversibles e irreversibles.
Alteracións morfolóxicas: dá lugar a deformidades tisulares que se dividen á súa vez en elásticas (recupérase a forma) e inelásticas ou plásticas (persiste a deformación). O grao máximo de deformación dáse cando se pasa a resistencia do tecido e se produce a rotura.Na práctica, nun traumatismo mecánico combínanse alteracións funcionais con deformacións morfolóxicas, dando lugar a dous tipos de lesións traumáticas:
Lesións sen solución de continuidade: esta lesión denomínase contusión. A contusión é unha lesión tisular aguda que vai depender da intensidade da enerxía mecánica producida pola acción agresora ante a resistencia do tecido á agresión (alteración funcional). A
contusión clasifícase en tres graos: conmoción (1º), necrobiose (2º) e necrose (3º).
Lesións con solución de continuidade: prodúcense por unha rotura tisular que causa
necrose celular con perda da integridade cutánea. A afectación tisular virá delimitada polos
distintos tecidos onde se produce a solución de continuidade (pel, tecido subcutáneo ou
músculo). Este tipo de lesións dan lugar á ferida traumática e/ou fractura ósea.

Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde